Coñecendo os insectos

O xoves 30 de abril tivemos, o grupo de 1º da ESO, a sorte de desfrutar dun taller sobre insectos con Daniel Longarela. Entre outras cousas aprendemos a capacidade de “disfrazarse” que teñen os insectos, así vimos bolboretas que semellaban avésporas para confundiren os seus depredadores.

Tamén nos ensinou como algúns insectos poñen os seus ovos dentro doutros animais e que cando os ovos eclosionan as eirugas aliméntanse deles… Parecía unha película de ciencia ficción!

conhecendo-insectos

Unha experiencia de vida normalizada

O pasado venres 24 de abril un grupo de alumnos e alumnas do noso centro tiveron a oportunidade de escoitar a Carlota Rodríguez López, unha moza de 25 anos con síndrome de Down, que a través dunha pequena presentación explicou como fora a súa traxectoria escolar e persoal, amosándolles as súas afeccións e plans de futuro. Foi unha oportunidade para abandonar os prexuízos e estereotipos e poder comprobar que, ao igual que Carlota, todas e todos desexamos o mesmo, poder desfrutar da vida ao lado das persoas que queremos e poder atopar un traballo que nos permita vivir dignamente.

vida-normalizada

A tecnoloxía ao servizo das linguas

O martes 28 de abril o alumnado de 1º Bac foi escoitar unha charla titulada “As TIC ao servizo das linguas”. O profesor Ernesto González Seoane, director do ILGA, falounos dos tempos nos que non había ordenadores e nos que a información que se quería incluír nun dicionario tiña que estar gardada en “papeletas”. A continuación fomos vendo como as innovacións técnicas axudaron a mellorar o estudo do galego. Rematou mostrándonos recursos electrónicos para coñecermos mellor a nosa lingua dos que queremos destacar a páxina na que podemos buscar información sobre os apelidos, http://apelidosgalicia.org/.

tecnoloxia-linguas

Obradoiro de lingua portuguesa

O día 23 de abril, Día do Libro, tivemos a primeira actividade do mes cultural: o obradoiro “falamos galego # sabemos portugués” que desenvolveu unha profesora da empresa Ciranda.

O alumnado de 2º da ESO puido comprobar como, con pouco esforzo, era capaz de comprender textos escritos e falados na lingua portuguesa. Tiveron tamén unha breve aproximación á música e cultura portuguesa. Decorreu tudo muito bem!

Obradoiro-portugues

Comenius Regio

Como no curso anterior o EDNL está a colaborar co programa europeo Comenius Regio. Neste mes de marzo durante a visita dos profesores gregos desenvolvéronse distintas actividades: reunións, mesas redondas, conferencias, visitas pola zona, etc. O proxecto entra na súa recta final mais deixa tras de si experiencias irrepetíbeis tanto para o profesorado como para o alumnado que participou.

Visita-comenius

Charla mulleres emprendedoras

O Departamento de Orientación en colaboración co Departamento de Formación e Orientación Laboral organizaron unha charla sobre o emprendemento feminino enmarcada dentro do Plan de Igualdade que se está a desenvolver no centro, Rapazas Emprendedoras nas TIC.

A charla foi impartida por Eva López Barrio, directora do programa Woman Emprende da USC e dirixida ao alumnado dos ciclos de formación profesional que se imparten no centro.

charla-emprendedoras_600