Arquivo da categoría: Mes Cultural

Obradoiro de regueifas

O xoves 14 de maio visitounos no centro Pinto de Herbón. O regueifeiro trouxo o seu fillo Xairo para cantarnos unhas regueifas polo Día das Letras Galegas.

Fixemos rimas con palabras para facer regueifas nós mesmos. Pasóusenos o tempo moi rápido e o que máis traballo nos deu foi facer as rimas.

Foi divertido porque se metía coa xente, cos profesores e os alumnos polos seus parecidos físicos cos famosos.

Facer regueifas non é tan complicado como parece, só hai que pensar.

Grupo ESA Mod 1

 

Xincana na biblioteca

O mércores 13 de maio o alumnado de 2º ESO do instituto participou nunha xincana na biblioteca. A actividade forma parte das programadas para o mes cultural, “Do libro ás letras”, que se vén celebrando dende hai uns anos.

Superaron diversas probas nas que tiñan que buscar os fondos existentes nos ordenadores, utilizar os móbiles para ler códigos Qr ou ver exemplos de realidade aumentada, busca de libros ou películas…

A participación foi moi activa e a experiencia ademais de ser atractiva axudoulles a entender mellor o funcionamento da Biblioteca.

Obradoiro de reciclaxe

obradoiro-reciclaxe

O pasado venres, 8 de maio, o alumnado de 1º da ESO aprendemos como facer papel reciclado.

Despois dunha explicación da profesora cortamos papel de periódico en anacos pequenos, botámolos nunha bañeira con auga e trituramos todo cun batedor. Logo de pasar o resultado por unha rede e deixalo secar tiñamos o noso papel. Foi un proceso fácil e divertido.

Noelia e Talía

Coñecendo os insectos

O xoves 30 de abril tivemos, o grupo de 1º da ESO, a sorte de desfrutar dun taller sobre insectos con Daniel Longarela. Entre outras cousas aprendemos a capacidade de “disfrazarse” que teñen os insectos, así vimos bolboretas que semellaban avésporas para confundiren os seus depredadores.

Tamén nos ensinou como algúns insectos poñen os seus ovos dentro doutros animais e que cando os ovos eclosionan as eirugas aliméntanse deles… Parecía unha película de ciencia ficción!

conhecendo-insectos

Unha experiencia de vida normalizada

O pasado venres 24 de abril un grupo de alumnos e alumnas do noso centro tiveron a oportunidade de escoitar a Carlota Rodríguez López, unha moza de 25 anos con síndrome de Down, que a través dunha pequena presentación explicou como fora a súa traxectoria escolar e persoal, amosándolles as súas afeccións e plans de futuro. Foi unha oportunidade para abandonar os prexuízos e estereotipos e poder comprobar que, ao igual que Carlota, todas e todos desexamos o mesmo, poder desfrutar da vida ao lado das persoas que queremos e poder atopar un traballo que nos permita vivir dignamente.

vida-normalizada

A tecnoloxía ao servizo das linguas

O martes 28 de abril o alumnado de 1º Bac foi escoitar unha charla titulada “As TIC ao servizo das linguas”. O profesor Ernesto González Seoane, director do ILGA, falounos dos tempos nos que non había ordenadores e nos que a información que se quería incluír nun dicionario tiña que estar gardada en “papeletas”. A continuación fomos vendo como as innovacións técnicas axudaron a mellorar o estudo do galego. Rematou mostrándonos recursos electrónicos para coñecermos mellor a nosa lingua dos que queremos destacar a páxina na que podemos buscar información sobre os apelidos, http://apelidosgalicia.org/.

tecnoloxia-linguas

Obradoiro de lingua portuguesa

O día 23 de abril, Día do Libro, tivemos a primeira actividade do mes cultural: o obradoiro “falamos galego # sabemos portugués” que desenvolveu unha profesora da empresa Ciranda.

O alumnado de 2º da ESO puido comprobar como, con pouco esforzo, era capaz de comprender textos escritos e falados na lingua portuguesa. Tiveron tamén unha breve aproximación á música e cultura portuguesa. Decorreu tudo muito bem!

Obradoiro-portugues