Arquivo por autores: EDLG IES CSA

Acerca de EDLG IES CSA

Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES "Campo de San Alberto" (Noia)

Presentación da revista Entrepontes

O venres 19 xe xuño presentouse o último número da revista do noso centro. Tivemos como convidados ao afamado pintor José Luís Veiras Manteiga e ao actor Rubén Prieto que compartiron connosco interesantes reflexións e parte do seu tempo. O punto de vista desde “dentro” veu da man de dúas alumnas, Nerea e Alicia, e dunha profesora, Loli, que falaron do que supuxo para elas colaborar nesta publicación.

Os profesores José Manuel e Xulio falaron tamén da revista, o primeiro poñendo a nota literaria, o segundo dándonos a perspectiva histórica de alguén que veu nacer e medrar o proxecto que se materializa en «ENTREPONTES».

É o momento de agradecerlle a Chefa a súa teimosía.

presentación_revista_2014

Twister pola educación

Twister-pola-educacion_01

Twister-pola-educacion_02

O pasado luns,18 de maio, tivo lugar no noso centro unha actividade chamada “Twister pola educación” organizada pola Rede Solidaria dentro da Campaña Mundial pola Educación na que participamos algúns alumn@s do noso centro.

O ben coñecido xogo do Twister introducía algunhas variantes: se tocaba un cinco ou un seis tiñas que facer unha pregunta: “Eu voto pola educación, e vós?”, e os demais xogadores tiñan que dicir, “Tamén” para que esa persoa puidese seguir xogando, senón o monitor introducía unha maior dificultade para continuar. No taboleiro había unhas casiñas de diferentes cores nas que aparecían representacións simbólicas de diferentes situacións e colectivos vulnerables ou en perigo de exclusión no referente ao Dereito á Educación. Cando caïamos nesas casiñas o noso compañeiro tiña un minuto para identificar ao colectivo e facer unha reflexión sobre a súa situación e escribila nun mural.

Nas paredes tamén estaban colgados os carteis que fixemos na aula de plástica co lema “A escola que eu quero” e nos que se mostraba o que sería a escola ideal para o alumnado de cada grupo. Todos posamos cos nosos carteis nunha especie de photocall improvisado.

Xa cando a actividade ía rematar o monitor leunos unhas cartolinas que contiñan información que nós descoñeciamos sobre a situación da educación no mundo e a situación dos diferentes colectivos en perigo de exclusión.

E só queda unha cousa máis por dicir… “EU VOTO POLA EDUCACIÓN, E VÓS?”

Verónica Cruz Ronquete, 3º ESO.

Algo máis que libros

O xoves 14 de maio e co alumnado de 1º do Ciclo de Laboratorio, a libreira Lola Puerta, da Librería Aenea de Santiago, fixo un taller literario no noso centro. Trouxo unha morea de libros e os alumnos e alumnas debían de elixir un ou varios e xustificar o porqué escolleran eses.

lola-puerta

Había un amplo abano de temáticas: natureza, saúde, narrativa, ficción…e foi moi entretido e sorprendente, xa que o alumnado veu como inflúe o seu momento anímico e as súas inquedanzas na escolla do libro.

Obradoiro de regueifas

O xoves 14 de maio visitounos no centro Pinto de Herbón. O regueifeiro trouxo o seu fillo Xairo para cantarnos unhas regueifas polo Día das Letras Galegas.

Fixemos rimas con palabras para facer regueifas nós mesmos. Pasóusenos o tempo moi rápido e o que máis traballo nos deu foi facer as rimas.

Foi divertido porque se metía coa xente, cos profesores e os alumnos polos seus parecidos físicos cos famosos.

Facer regueifas non é tan complicado como parece, só hai que pensar.

Grupo ESA Mod 1

 

Mesa redonda sobre o emprego

mesa-redonda-emprego_460

O alumnado de 4º tivemos a oportunidade de estar nunha mesa redonda, xunto a un grupo de ciclos, na que Luís Angueira, alcalde, Antonio Pais, sindicalista e Francisco Pérez, empresario, explicaron varios temas relacionados coa crise, os diferentes puntos de vista, os diferentes apoios para os traballador@s, como enfrontala, consellos para cando nos toque a nós vivila máis a fondo…

Tamén puidemos presentar as nosas ideas, dúbidas e opinións nun debate final.

Sonia

Entrega de premios do XXI Certame Literario «Alberto Romasanta»

Nunha cerimonia celebrada no IES Virxe do Mar, o alumnado participante no certame literario «Alberto Romasanta» recibiu uns diplomas e premios merecidos, dada a calidade dos traballos presentados.

O acto foi unha acertadísima homenaxe á cultura galega a través da música, desde a interpretación de “Fai un sol de carallo” dos Resentidos por parte do coro do “Virxe”, até a presentación na que se nos mostrou un repaso das obras destacadas da historia da nosa música.

Poesía, narrativa, pezas musicais e moita alegría foron unha perfecta combinación para celebrarmos o Día das Letras.

Entrega-premios-literarios-2015

Xincana na biblioteca

O mércores 13 de maio o alumnado de 2º ESO do instituto participou nunha xincana na biblioteca. A actividade forma parte das programadas para o mes cultural, “Do libro ás letras”, que se vén celebrando dende hai uns anos.

Superaron diversas probas nas que tiñan que buscar os fondos existentes nos ordenadores, utilizar os móbiles para ler códigos Qr ou ver exemplos de realidade aumentada, busca de libros ou películas…

A participación foi moi activa e a experiencia ademais de ser atractiva axudoulles a entender mellor o funcionamento da Biblioteca.

Obradoiro de reciclaxe

obradoiro-reciclaxe

O pasado venres, 8 de maio, o alumnado de 1º da ESO aprendemos como facer papel reciclado.

Despois dunha explicación da profesora cortamos papel de periódico en anacos pequenos, botámolos nunha bañeira con auga e trituramos todo cun batedor. Logo de pasar o resultado por unha rede e deixalo secar tiñamos o noso papel. Foi un proceso fácil e divertido.

Noelia e Talía