O pasado luns,18 de maio, tivo lugar no noso centro unha actividade chamada “Twister pola educación” organizada pola Rede Solidaria dentro da Campaña Mundial pola Educación na que participamos algúns alumn@s do noso centro.
O ben coñecido xogo do Twister introducía algunhas variantes: se tocaba un cinco ou un seis tiñas que facer unha pregunta: “Eu voto pola educación, e vós?”, e os demais xogadores tiñan que dicir, “Tamén” para que esa persoa puidese seguir xogando, senón o monitor introducía unha maior dificultade para continuar. No taboleiro había unhas casiñas de diferentes cores nas que aparecían representacións simbólicas de diferentes situacións e colectivos vulnerables ou en perigo de exclusión no referente ao Dereito á Educación. Cando caïamos nesas casiñas o noso compañeiro tiña un minuto para identificar ao colectivo e facer unha reflexión sobre a súa situación e escribila nun mural.
Nas paredes tamén estaban colgados os carteis que fixemos na aula de plástica co lema “A escola que eu quero” e nos que se mostraba o que sería a escola ideal para o alumnado de cada grupo. Todos posamos cos nosos carteis nunha especie de photocall improvisado.
Xa cando a actividade ía rematar o monitor leunos unhas cartolinas que contiñan información que nós descoñeciamos sobre a situación da educación no mundo e a situación dos diferentes colectivos en perigo de exclusión.
E só queda unha cousa máis por dicir… “EU VOTO POLA EDUCACIÓN, E VÓS?”
Verónica Cruz Ronquete, 3º ESO.